Saturday 04 de May de 2024

Turismo de Galicia leva a cabo diferentes iniciativas para mellorar o destino turístico galego e a competitividade da oferta turística da nosa comunidade


Nava Castro expuxo na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo as medidas que se están levando a cabo dende Turismo de Galicia para impulsar e promover diferentes materias relacionadas co turismo

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, compareceu ante a Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo para expoñer as medidas que se están levando a cabo dende Turismo de Galicia para impulsar e promover diferentes materias relacionadas co turismo e mellorar así o destino turístico galego e a competitividade da oferta turística da nosa comunidade.

A directora de Turismo de Galicia destacou as accións que se están realizando para a potenciación e promoción das mais de cen festas de Interese Turístico de Galicia, as doce festas de Interese Turístico Nacional e as setes que contan coa declaración de Festa de Interese Turístico Internacional. Neste senso, Nava Castro destacou a modificación da regulación da declaración de festas de interese turístico de Galicia que inclúe novidades relacionadas tanto cos requisitos de obrigado cumprimento como os criterios de valoración non excluíntes co obxectivo de acadar a excelencia nas festas galegas. Así mesmo, falou da orde de axudas que púxose en marcha este ano para o apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia e as iniciativas a prol da potenciación do Entroidos de Galicia.

A directora galega de Turismo tamén referiuse as accións que está a desenvolver Turismo de Galicia para converter a nosa comunidade nun destino ambiental, social e economicamente sostible. Así, destacou a implantación da Carta Europea de Turismo Sostible nos espazos naturais protexidos de Galicia, o desenvolvemento de produtos especializados para segmentos de público sensibilizados co medio ambiente, a promoción dos espazos naturais iconas garantindo fluxos turísticos que respecten a capacidade de acollida e a mellora da xestión ambiental e redución da pegada ecolóxica das actividades turísticas entre outras accións. Así mesmo, Nava Castro sinalou que Galicia é a rexión española con mais bandeiras azuis nos seus areais. Concretamente este verán houbo 123 praias con este galardón ás que se sumaron 19 portos e 15 sendeiros, sendo tamén a comunidade autónoma líder en sendeiros azuis.

Nava Castro incidiu tamén nas accións encamiñadas a acadar un sector competitivo e un destino intelixente a través do fomento do talento e o aproveitamento das novas tecnoloxías referíndose a iniciativas como o deseño dun plan de formación para o sector turístico de Galicia, a promoción do Centro Superior de Hostelería de Galicia como exportador de coñecemento e icona de calidade, innovación e excelencia nos servizos turísticos, a formación dos axentes do sector, o impulso das actividades formativas sobre a aplicación das TIC´s na xestión de empresas ou a posta en marcha dunha Escola de Turismo Itinerante.

A directora de Turismo de Galicia destacou que moitos dos obxectivos fixados polo Plan Integral de Turismo de Galicia xa foron superados no que vai deste ano 2014. Así, o número de viaxeiros internacionais que elixiron os establecementos regrados de Galicia alcanzou nos dez primeiros meses deste ano un máximo histórico tanto de volumes, superando por vez primeira a cifra do millón de viaxeiros e acadando case 1,7 millóns de pernoctacións, como de peso no conxunto da demanda, que representa o 27,5% dos viaxeiros e o 21,9% das pernoctacións totais. Tamén nestes dez primeiros meses do ano o gasto total deste turismo internacional foi de preto de 800 millóns de euros, acadando o obxectivo fixado polo Plan. Isto mostra que as accións fixadas no Plan e que se están a executar están a ter a súa pegada na demanda.

Consolidación e posicionamento de Galicia como destino termal global
Nava Castro expuxo tamén as medidas que se están a tomar dende Turismo de Galicia para a consolidación e posicionamento de Galicia como destino termal global, un dos produtos turísticos máis importantes e estratéxicos de Galicia.

A directora de Turismo de Galicia incidiu no Plan Termal que ten como obxectivo poñer en valor turístico os recursos naturais e culturais de Ourense, estruturando a oferta, os recursos e os servizos de tal xeito que conduzan á creación dunha consistente Provincia Termal en Ourense. Así mesmo co Plan preténdese articular os recursos, servizos e a oferta termal como produtos turísticos competitivos, innovadores e desestacionalizadores.

Segundo explicou Nava Castro, Turismo de Galicia xa está traballando no cumprimento das propostas deste Plan Termal. A directora galega de Turismo destacou a constitución do Consello Termal de Ourense, que tivo lugar esta mesma semana, un órgano que se encargará de velar pola execución do Plan e no que están integrados 30 persoas que representan ás institucións públicas e aos sectores privados relacionados co termalismo e a hostalería.

Nava Castro citou tamén a finalización de obras de balnearios abandonados ou de nova construción, como é o caso de Cortegada; a ampliación da capacidade de aloxamento na comarca termal de Monterrei, na que cómpre destacar a conversión da Fortaleza de Monterrei; a creación de novas rutas turísticas, como a ecovía fluvial do Támega; accións de promoción e comercialización, como a organización de viaxes de familiarización para operadores turísticos e xornalistas; a asistencia a feiras de comercialización específicas do eido termal; e a formación, na que salientou a Cátedra de Hidroloxía Médica de Galicia, o master de Dirección e planificación do turismo interior e de saúde, da Universidade de Vigo.